28 de feb. de 2018

Word Animals


Dan Fleming é un deseñador gráfico australiano especializado en deseño de logotipos que reside en Boston (Estados Unidos). O que podedes ver nesta entrada é o seu proxecto Word Animals. Nel xogou a representar os nomes de animais sobre candansúa silueta: crocodile, owl, camel, pig, elephant... 20 en total. 

Nunhas pezas a palabra inserida na imaxe é mais doada de recoñecer ca noutras. Con todo, velaquí un novo exercicio de creatividade tipográfica. Bravo, Mr. Fleming!






24 de feb. de 2018

Palíndromos ilustrados [22]


O palíndromo de hoxe recórdame a querenza da nosa tradición pola arte de falar mal, de inxuriar, de ceibar falsidades maldicentes. Lembrades como describe a nosa «Arte de trovar» as cantigas de escarnio e maldicir?
Cantigas d'escarneo som aquelas que os trobadores fazem querendo dizer mal d'alguém em elas, e dizem-lho per palavras cobertas que hajam dous entendimentos, pera lhe-lo nom entenderem [...] ligeiramente; e estas palavras chamam os clérigos hequivocatio. E estas cantigas se podem fazer outrossi de meestria ou de refram.
Cantigas de maldizer son aquelas que fazen os trovadores mais descubertamente. En elas entran palavras que queren dizer mal e non aver outro entendimento se non aquel que queren dizer chãamente
Hoxe, o contacto boca orella das laretadas do mercado ou da barra da taberna é acompañado tamén polo tecleo anónimo que ceiba inxurias e falsidades sen filtros pola arañeira. E o galego demostra unha gran riqueza á hora de expresar estas circunstancias. Por exemplo, nos refráns:
Non habería murmuradores, se non houbera escoitadores.
Quen ten a lingua aguda, que teña a costela dura.
Mellor sandan as chagas cás feridas das malas palabras.
Máis pode un criticando que cen gabando.
Fale a miña veciña e teña o meu fol fariña.
Vale máis calar que mal falar.
Vai a palabra de boca en boca coma o vento de folla en folla.
Andar en linguas, andar en minguas.
E de léxico referido a este hábito do «maldicir» tampouco andamos curtos: rumor, azueira, mentira, maledicenciamurmuraciónalburgada, chisme, loia, dixomedíxome, bouba, rexoubaloiada, cubillada, embustedíxome...

Os termos anteriores, moitos deles sinónimos, veñen recollidos no dicionario da RAG. Es quen de clasificalos nesta táboa?



20 de feb. de 2018

As dúas portas do castelo

Hoxe, un deses enigmas lóxicos de «cabaleiros» (knights) que din sempre a verdade e de «escudeiros» (knaves) que sempre menten, popularizados polo matemático Raymond Smullyan no seu marabilloso Como se chama este libro? (1978). Precisamente estes días fixo un ano do pasamento do xenial filósofo, matemático e divulgador estadounidense.

Na ficción cinematográfica, podemos atopar un bo exemplo deses enredos de verdades e mentiras en Dentro do labirinto (1986), filme dirixido por Jim Henson.

As dúas portas do castelo
Sarah, a moza protagonista, dispón só de 13 horas para evitar que o seu irmán Toby se converta nun trasgo. Para iso debe atravesar o labirinto de Jareth, o rei dos Goblins, e chegar ata o seu castelo. 
Despois de percorrer con éxito todo o labirinto, descobre que para acceder ao castelo hai dúas portas custodiadas por cadanseu garda (un vermello e outro azul). Estes explícanlle que unha das portas conduce ao seu destino e a outra a unha morte segura. O problema é que se se lles pregunta cal é a porta boa, un sempre dirá a verdade e o outro sempre mentirá. E unicamente é posible formular unha pregunta.
Como saber daquela cal é a porta correcta?

Solución ao enigma «O enigma de Zadig» (4-12-2017):
Zadig dixo que era o tempo. «Nada é mais longo pois é a medida da eternidade; nada é mais breve, xa que nunca alcanza para dar fin aos nosos proxectos; nada é máis lento para quen espera; nada é máis rápido para quen goza da vida; estendese, en grandeza, ata o infinito; dividese, ata o infinito, en pequenez; todos os homes o descoidan e todos lamentan a súa perda; nada se fai sen el, fai esquecer todo o que é indigno da posteridade, e inmortaliza as grandes cousas». Os presentes coincidiron en que Zadig tiña razón.

16 de feb. de 2018

Sexto aniversario!


E xa van seis! Quen o ía dicir?! Uf!
Mais... Aquí seguimos, de momento.
Para celebralo, porque me peta, porque me presta, unha de Ataque Escampe, de aló polo 2012.

13 de feb. de 2018

Acrósticos numéricos


Tanto ten, son as letras a enredar cos números ou os números a enredar coas letras. O caso é que isto dos acrósticos numéricos pareceume un pasatempo caralludo. Xa sabedes, un deses orixinais enredos que mesturan xogo verbal e matemático tan do gusto de Xogosdelingua.

Dei con eles de paseo polas vellas entradas de Espejo lúdico. Polo visto son creación de Jaime Poniachik, matemático e divulgador uruguaio, creador de xogos de enxeño, de matemáticas e de ludolingüística, falecido no 2011. O mecanismo é ben sinxelo: os números que aparecen horizontalmente deben sumar o mesmo número que forman en vertical a xeito de acróstico. Así, como vemos arriba, d[o]us, u[n], [c]inco e tr[e]s suman once e tamén revelan este número combinando as súas letras.

O acróstico numérico superior é a versión galega do que aparecía no blog arxentino. Xoguei un anaco a crear outros e xurdiron estes dous. Seguro que a vós tamén vos saen uns cantos. Adiante! 



9 de feb. de 2018

A ler desde o espazo



Se cadra, entre as obras dedicadas a encher o ego do ser humano, a do vídeo superior podería alcanzar o número 1. Hamad Bin Hamdan Al Nahyan, membro da familia que goberna os Emiratos Árabes Unidos, decidiu aló polo 2009 escribir o seu nome nunha illa da súa propiedade. Contratou ducias de traballadores de Pakistán e de Bangladesh para trazar as letras xigantes do seu nome na area. O resultado, 3 km de canles que o magnate pode navegar cun dos seus iates e que son visibles desde o espazo.

Cando unha idea así chega a mans dos publicistas, pode ocorrer calquera cousa. No 2015, os creativos de Hyundai realizaron unha espectacular campaña para o seu modelo Genesis.


Aproveitando que a moza Stephanie, de Houston, botaba de menos o seu pai, astronauta na Estación Espacial Internacional, decidiron enviarlle un colosal texto escrito, tamén, sobre a area. En concreto, once Hyundai Genesis trazaron con precisión a cariñosa mensaxe de 5.5 km cadrados no lago seco Delamar (Nevada, EEUU).

Tan melindroso como impactante!


5 de feb. de 2018

Camisetas para xirar cabeza






Hoxe, para comezar, un pequeno reto: reparade no texto destas camisetas, todas con personaxes do universo Marvel. Observades algo especial? 

Pois, cun chisco de atención descubririades que cada enunciado é un ambigrama. Os nomes dos superheroes, que aparecen en vertical, ofrecen dúas lecturas: se rotas o texto cara á dereita, tes unha; se o rotas cara á esquerda, outra. Temos Spiderman / Peter Parker, Ironman / Tony Stark, Captain / America, Black / Panther, Doctor / Strange

Todas as pezas son obra do deseñador Mark Palmer. Nado en Os Ánxeles, Palmer sentiu desde moi novo fascinación polo lettering e polos ambigramas. Unha afección que convertería en profesión. Deseña ambigramas para tatuaxes, para portadas de discos, para botellas de cervexa... 

O seu último proxecto foi Red Chapter Clothing: unha empresa dedicada á comercialización de roupa con deseños baseados integramente en ambigramas. Aquí nos fala de como xurdiu a idea que crear as camisetas dos superheroes de Marvel. Creo que lle vai ben o negocio a Mark!

1 de feb. de 2018

Le, xoga e aprende con Mixiricas

   

O trasno Mixiricas (1994), de Efrén Vázquez, é un deses libros curiosos e orixinais que tanto pracer xeran a amantes da ludolingüística e dos xogos de enxeño. Mixiricas, o trasno protagonista, vai percorrendo as sete capitais do antigo Reino de Galicia, nunha viaxe chea de peripecias e aventuras. Para isto, axúdase da súa caixiña máxica dos saberes, chamada Artesa.
Coa curiosidade dun neno que todo o quere saber, decidiuse a pescuda-lo máis inmediato. ¿Onde era que se atopaba? Non tería máis que preguntalo, pero a aquela hora íalle ser un pouco difícil, por non dicir dificilísimo, dar con alguén naquel lugar tan arredado. ¡Sorte que trouxen comigo unha desas «caixiña dos saberes», que os vellos trasnos nos recomendan levar ós novos cando saímos de viaxe!, pensou.
Tratábase, xa que logo, dunha caixiña enfeitizada que contiña información do lugar no que se atopase en cada intre. E como era máxica, había que entendela e coñece-las claves para que funcionase ben, pois cada unha era un exemplar único.
A caixiña conta con catro pechaduras con cadansúa chave, de distintas cores (vermella, amarela, verde e azul). O caso é que, cando Mixiricas emparella correctamente chaves e pechaduras, obtén valiosa información sobre a historia e xeografía do lugar en que se atopa, mais, se erra con chaves e pechaduras, a caixa propón un problema que cómpre resolver. 

Así, nesta especie de «road book», van sucedéndose sopas de letras, mensaxes encriptadas, xeróglifos e outros enredos de enigmísticos. A lectura convértese, daquela, nun entretido xogo co que acompañamos o trasno, de forma activa, por toda a xeografía galega, aprendendo máis sobre a nosa terra.

Destinado, en principio, a un lector ou lectora adolescente, O trasno Mixiricas é un libro descatalogado, mais non difícil de localizar en librarías ou por Internet. 

Temos a sorte, ademais, de atopar boa parte dos seus contidos e xogos en Trompiletras galegas, a web persoal que Efrén Vazquez, docente de profesión, mantén desde o 2002. Un espazo dedicado ás Letras Gallegas, ás novas tecnoloxías, á educación e a recursos sobre lingua (mesmo un xerador de pangramas!).

En fin, desta volta sumamos un trasno á nosa «bibliografía ludolingüística básica», que xa vai collendo collendo corpo. 
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...