4 de dec. de 2017

O enigma de Zadig

O impacto da tradución d’As mil e unha noites ao francés no inicio do século XVIII foi tal que desencadeou unha onda de historias de inspiración oriental. Unha delas é o relato que vén deseguido, presentado en forma de enigma case filosófico. É un fragmento da novela Zadig ou O Destino (1747), de Voltaire

Zadig é un bo mozo: intelixente, educado, bondadoso... Ao poñer en práctica todas estas calidades positivas, cre que lle resultará doado atopar a felicidade. Ese inocente propósito faille pasar unha chea de penalidades: é convertido en escravo, condenado á decapitación, case morre estrangulado... 

As aventuras e desventuras de Zadig levano ante o gran Mago de Babilonia o día en que este vai propoñer enigmas aos máis valorosos cabaleiros da cidade.

A ver que vos parece o seguinte. Daredes coa solución?

O enigma de Zadig
O gran Mago propuxo primeiro o seguinte enigma:
— Cal é, de todas as cousas do mundo, a máis longa e a máis curta, a máis rápida e a máis lenta, a máis divisible e a máis extensa, a máis descoidada e a máis irreparablemente lamentada, sen a cal nada se pode facer, que devora todo o que é pequeno e que vivifica todo o que é grande?
Tocáballe falar a Itobad. Contestou que un home coma el non entendía nada de adiviñas e que lle bastaba con ter vencido a golpe de lanza. Uns dixeron que a solución do enigma era a fortuna, outros que a terra, outros que a luz. Só Zadig deu coa resposta correcta. 
Cal é?

Solución ao enigma «O inapetente David» (21-10-17): 

David decidiu volver á súa casa tal como lle pedía a mensaxe en inglés «COME HOME». Convén fuxir da suposición precipitada de que David é galego. A súa tristura: amorosa. O que lle servían a diario no restaurante: «fish and chips».

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...